sábado, 15 de marzo de 2014

Esgotadas o primeiro día as 200 invitacións para o concerto da pianista Mine Kawakami

Esgotadas o primeiro día as 200 invitacións para o concerto da pianista Mine Kawakami
As 200 invitacións para o concerto que a pianista xaponesa Mine Kawakami ofrecerá mañá, sábado 15 de marzo, a partir das oito da tarde, no Salón García esgotáronse na primeira xornada nas que o Concello as puxo a disposición dos cidadáns de Vilagarcía. A actuación desta prestixiosa compositora creou unha enorme expectación, non só en Vilagarcía, senón tamén en Pontevedra e Vigo, as outras dúas únicas cidades de Galicia nas que actúa esta fin de semana no marco dos actos da exposición Internacional da Camelia, e nas que tamén se completou o aforo dos teatros nos que interpretará a “Sonata Samurài”.
14. 03. 2014.- Mine Kawakami, a pianista xaponesa de recoñecido prestixio internacional, deleitará aos vilagarciáns coa súa “Sonata Samurài”, unha composición propia que estreou en España o pasado mes de xuño nun concerto no Teatro Real de Madrid ao que asistiron os príncipes de Asturias e o príncipe herdeiro de Xapón Naruhito. Todo un luxo do que poderán gozar 200 vilagarciáns de xeito gratuíto e de forma moi exclusiva grazas ás actividades paralelas ao Congreso Internacional da Camelia que promove a Deputación de Pontevedra, dándolle aos veciños dos tres concellos coorganizadores de escoitar a obra que Kawakami compuxo con motivo no ano dual España-Xapón e na que trata de transmitir a través da música a experiencia da primeira delegación comercial xaponesa que chegou a España hai 400 anos.

Ademais de pola súa depurada técnica interpretativa, Mine Kawakami caracterízase por un basto coñecemento da música tradicional xaponesa e tamén da música actual, doutros estilos doutras latitudes, coñecementos que non dubida en mesturar nas súas composicións. A compositora nipona fala perfectamente español e acostuma a intercalar entre as súas interpretacións ao piano explicacións verbais sobre a peza que vai a tocar.

A realización deste exclusivo concerto no Salón García debeuse a unha petición expresa do representante da pianista que se quedou prendado do encanto deste emblemático teatro cando tivo a oportunidade de visitar Vilagarcía para coñecer as salas dispoñibles para a actuación. As características do Salón García adáptanse á perfección as necesidades dun concerto a piano e, debido ao seu limitado aforo, tamén favorecen unha relación directa e íntima entre a artista e o público, algo do que goza especialmente Kawakami.